Escola/Grupo O Son do Sor

Esta agrupación nace no ano 1990 en O Barqueiro, co galo de aprender e estender a rica cultura musical galega.

Nun comezo, iniciou a súa andadura coa Banda de Gaitas, á que se uniu dous anos máis tarde o corpo de Baile. Xa no ano 1997 comezou o grupo de Cantareiras a ser parte da nosa agrupación.

Os traxes utilizados, todos tradicionais, son típicos da zona da Mariña e foron feitos e bordados a man, tentando coidar o máis posible a semellanza dos traxes que levaban os nosos avós e bisavós.

Entre as súas actuacións máis importantes, cabe salientar o Festival Printemps des Sonners en Brest (Francia), a Feria de los Pueblos en Fuengirola (Málaga), Desfile de Bandas de Gaitas no Festival do Mundo Celta de Ortigueira, etc.

Esta agrupación pasou por diversas fases durante estes máis de 25 anos de historia, cos seguintes directores das diferentes seccións:

  • Sección musical

    • Banda/Grupo de gaitas
      • 1990 - 1997. Os inicios da agrupación foron dirixidos por Juan Barcón quen, durante 7 anos, estivo á fronte da banda de gaitas. 
      • 1997 - 2011. Trala marcha do anterior mestre, chegaba á nosa agrupación Edelmiro Fernandez, un gaiteiro dunha prolífica traxectoria, tanto como compoñente de diferentes agrupacións (Laghareu, Laio, Ancoradoiro,...), como de forma individual nos concursos de solistas de gaita (gañador en tres ocasións do Concurso McAllan do Festival Intercéltico de Lorient, gañador do concurso Avelino Cachafeiro,...). Con Edelmiro a Banda de Gaitas logra o seu punto de máximo recoñecemento chegando incluso a viaxar a Brest (Francia) para tocar no festival Le Printemps des Sonneurs, así como actuando por toda a xeografía galega e española.
      • 2011 - 2014. Unha vez pechado o ciclo de Edelmiro, Rodrigo López, director nese momento da Escola de Gaitas de Ortigueira, encárgase de tomar o timón da agrupación. 
      • 2014 - 2016. Finalizado o trieno de Rodrigo López á fronte da agrupación, dous compoñentes da mesma, Alberto Fojo e Toñito Martínez, serán o encargados de retomar as clases na asociación durante os dous seguintes anos.
      • 2015 - 2017. No ano 2015 comézase unha nova etapa dentro desta formación coa incorporación de David Bellas como novo director da Escola de Música Tradicional. Este proxecto nace cunha doble intención, a formación e a necesidade de dar salía a esa formación nun proxecto artístico, aínda que finalmente non se logrou dar os froitos previstos.
      • 2017 - actualidade. A agrupación volve ás súas orixes ca chegada de Adrián García, retomando as clases de música tradicional, das que neste intre desfrutamos.
    • Cantareiras
      • 2001- 2011. Begoña Villar lidera os comezos do noso corpo de cantareiras, actuando en diversas actuacións xunto á Banda de Gaitas e ó Grupo de Baile.
      • 2011- 2014. Cristina Pico continúa o traballo realizado por Begoña para dirixir o corpo de cantareiras durante 3 anos.
  • Grupo de Baile

    • 1992 - 1997. Juan arrinca a sección de Baile Tradicional en O Son do Sor, que liderará durante 5 anos.
    • 1997 - 2013. O punto álxido do corpo de baile coincideu ca chegada de Xabier Espasandín, quen dirixiu esta sección durante máis de 15 anos e aportando, ca súa extensa traxectoria, a experiencia de moitos anos vinculados á cultura tradicional galega.